PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO

           

 

21 DE XANEIRO:

PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO

 

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades
educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao
decretazo contra o galego.

 

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o
idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos
impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura,
independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de
xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

 

Por que rexeitamos este decretazo?

 

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa
educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.

Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para
conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas
urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa
lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado
a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

 

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade
galega.

O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso
do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este
decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do
serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

 

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos
nos centros.

A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema
ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente
consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que
pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro
anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación
das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se
pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde
a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios
pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

 

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai
impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente
inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.

O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de
“plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés
para camuflar  propagandisticamente o
ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un
reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os
recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as
das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no
sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis
recursos e con grupos máis reducidos.

 

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por
consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.

O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente
vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e
13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8).
Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados
internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

 

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que
haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.

Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que,
independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as
galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para
discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos,
garantindo a igualdade de dereitos.

 

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as
comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se
escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda
en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do
profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e
todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O  seu decreto contra o galego, ao contrario,
non xera máis que rexeitamento e preocupación.

 

 

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO

EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

 

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

 

HABERÁ AUTOBUSES DESDE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS

Infórmate en queremosgalego.org

 

 Se quixeres colaborar achegámosche deste número de conta
onde poderás facer a túa aportación:

2100 5753 01 0200053054

Advertisements

About No Cómbaro

Música Tradicional

Posted on 14 Xaneiro, 2010, in Outros temas and tagged . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: