15 aniversario de MuXareGa

 

 

OS FOLKIES PONTESES ESTÁN DE ANIVERSARIO

[El Progreso. Cristina Arias] Muxarega, unha das agrupacións con máis sona do concello, cumpre 15 anos de historia con deceas de actuacións sobre os escenarios. Os oito membros actuais, e os 18 que pasaron pola formación, protagonizarán un concerto homenaxe o 8 de maio no Auditorio Cine Alovi.

O 5 de maio de 1995 a formación pontesa Muxarega estreouse como grupo cun concerto no auditorio municipal Alovi.

Quince anos despois daquela data, o día 8 ás 20.00 horas, Muxarega volverá pisar o mesmo escenario para celebrar o seu aniversario, como non, cunha festa rachada a base de folk, porque quince anos dan moito que festexar e gardan moitos recordos que compartir.

Ó longo de todo este tempo pasaron polo grupo un total de 26 músicos, incluídos os oito actuais, que foron dando forma e vida á formación, que nunca deixou de tocar dende que empezou. «A ida e entrada da xente foi por goteo. Uns íanse entrelazando cos outros, sustituíndose pouco a pouco», a maneira na que o grupo foi fiando a súa historia.

Dende os seus inicios, Muxarega, que naceu a través dun grupo de amigos afeccionados á música, definiu o seu estilo apoiándose na música tradicional galega, pero co paso dos anos e as distintas influencias de cada membro foise renovando, aínda que sen perder nunca as súas orixes. Do folk máis instrumental, baseado en pezas do repertorio tradicional galego, Muxarega evolucionou cos anos: incorporou novos instrumentos (como a percusión latina, o baixo eléctrico ou a batería) e engadiu a voz ós seus temas. «Foise innovando. Comezou sendo moi tradicional e pouco a pouco fóronse engadindo cambios», explican os compoñentes actuais. «Ó principio non había voz e agora a maioría das pezas do repertorio son cantadas, primeiro basicamente con voces femininas e agora estanse a incorporar as masculinas», indican. Ademais, engaden: «Coa madurez do grupo os arranxos das pezas tradicionais comenzáronse a complicar e realizamos outras de composición propia, aínda que seguimos facendo versións».

«As ideas parten de todos. Traballamos en equipo», destacan, mentras subliñan que o gran mérito é que, quitando dous, todos son xente que non se adica á música de forma profesional e que o grupo é un ‘hobby’ para eles, afección á que destinan ó redor de dez horas semanais de ensaios.

No seu repertorio, un pouco de todo. Dende coplas tradicionais ata algún clásico do rock, pasando por cancións populares galegas que soaron xa en moreas de escenarios de toda Galicia e de fóra dela.

Así, xa formaron parte do cartel dos Irmandiños de Moeche, da Festa do Río Castro de Narahío, en San Sadurniño, do Mesoiro Rock&Folk da Coruña, tocaron no Festifolk de Mugardos, no Churruchao de Forcarei, en Guitiriz, Vilalba e incluso no pobo francés de Lesneven, en 1997, ó que voltarán este ano no mes de agosto. E claro está, na casa, no festival folk da Fraga. «É un dos concertos máis importantes, sobre todo por a posibilidade que tes de compartir escenario con grupos importantes como Wolfstone, La Botine Souriante, Kepa Junkera, Luar na Lubre ou Budiño», destacan.

Entre os soños por cumplir, tocar no Escenario Runas, de Ortigueira, no Festival de Pardiñas, e, por que non?, no Intercéltico de Lorient, en Francia, así como ter un local de ensaio propio, aínda que recoñecen que é difícil.

Compoñentes:

Actualmente integran Muxarega Paula Ramos (voz e percusión), Ana Ledo (gaita e percusión), Luis Pita (batería e percusións), Andrés Penabad (acordeón), Roberto Ferreiro (banjo e mandolina), Miguel Ferreiro (guitarra acústica e bouzuki), Carolina Leal (gaita e frauta traveseira) e Iago Pena (baixo eléctrico).

Ningún deles é do grupo de fundadores, sen embargo, algúns como Paula, Roberto e Miguel, levan 11 anos tocando en Muxarega.

Pola formación pasaron outros moitos músicos das Pontes, parte da historia de Muxarega: Manolo Seijo, Buli García, Suki Rodríguez, Pepe Fresco, Vero López, Hugo L. Arias, Xurxo Iglesias, Sandra Bellas, David Cabarcos, Jorge Cebreiro, Javier Gastañaduy, Adán Veiga, Lito Bermúdez, José Castro, Rubén Morandeira, Ana Seijo e Vanesa Villasuso.

O primeiro disco a punto e con data para 20 actuacións:

Muxarega non perde forza co tempo, senón todo o contrario. Cun disco gravado e a punto de saír á rúa, o grupo estréase no mercado. O CD terá 12 pezas que inclúen varias tradicionais, propias e tres de autor (unha de Xurxo Iglesias, que foi membro de Muxarega e actualmente bouzukista da banda de Susana Seivane; e dúas do gaiteiro Xoán Carlos Rilo, afincado nas Pontes). O disco, que gravaron nos estudios Mans da Coruña, venderase nos concertos e en establecementos das Pontes e Vilalba. Sairán 1.000 unidades.

Ademais, no verán sacarán á venda 500 camisetas do grupo.

No que vai de ano, realizaron 5 concertos (dous en Vilalba, dous nas Pontes e un en Paderne) no tempo que quedou trala gravación do disco.

Para os próximos meses, teñen 15 actuacións. A primeira será o concerto aniversario, no auditorio pontés Alovi o día 8 de maio. O 28 viaxarán a Cambre e o 29 ó Pub A Xanela, en Vilalba.

En xuño, o 12 estarán no Pub Palique (As Pontes), o 18 no Milladoiro Folk de Ames e o 19 no Festifolk Mugardos.

En xullo, o 3 irán ó Festival Salto ó Castelo de Vimianzo, o 17 ó Festival Folk de Tordoia, o 18 o Festival Folk de Oleiros e o 24 será o turno de xogar na casa, no Festival Folk A Fraga.

Agosto comezará cunha actuación o 14 na Casa de Galicia de Guipúzcoa (San Sebastián) e entre o 18 e o 23 teñen confirmadas dúas actuacións na Bretaña francesa. Ademais, o 29 tocarán na Festa do Requeixo, da Capela, como teloneiros de Luar na Lubre.

E o 9 de setembro tocarán na Festa de San Pipote en Bardaos (San Sadurniño).

Ademais, de cara o próximo no inverno, teñen previsto realizar concertos didácticos en colexios de As Pontes, Somozas e Xermade.

Formación actual

Advertisements

About No Cómbaro

Música Tradicional

Posted on 6 Maio, 2010, in Outros temas and tagged . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: