Deixémonos de gaitas

 
     

Deixémonos de gaitas (da Deputación)

 

É longa a súa loita, a de Ricardo Casás e os seus, os membros do Colectivo en Defensa da Gaita, contra a deturpación das raices elementais do noso instrumento tradicional e tamén contra toda a parafernalia militar, de importación escocesa, da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que din representar a Galiza e que, de feito, a representan cada vez máis en eventos internacionais. O malo é que a representan con falsidade. Eu non son un especialista no noso folclore, pero si son un home sensible e amante da música desde a miña infancia, e estou, afortunadamente, dotado dun bo oído e dunha suficiente capacidade de observación. O instrumento que introduciron os suevos en Galiza, co paso do tempo deu lugar á gaita galega, cun son inconfundible e específico, distinto ao da gaita asturiana (quizais semellante á gaita nosa que denominamos "gaita grileira") pero indubitablemente distinta, tamén, da gaita escocesa de longa tradición militar. Que eu saiba, esa non foi xamais a función da gaita galega, lúdica e festeira pero tamén solemne, ben diferenciada non só na súa estructura e no seu son da do país anglosaxón.
A finais do século XIX e principios do XX houbo en Galiza unha xeración de extraordinarios gaiteiros cunha técnica musical esmerada (o tocar pechado) que hoxe ficarían arrepiados co son das gaitas da Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, co ronco erecto que non ten a gravidade do noso ronco, e sen a graza especial da afinación do noso ronquete, os seus modernos tambores marciais de batucada antipática e os seus traxes negros vai ti a saber por quen deseñados.
Avelino Cachafeiro, Perfecto Feixóo, Xan de Campañó, Breixo, Santalices ou Bellón, e máis recentemente os meus admirados e insuperables irmáns Garceiras, de Melide, os que mellor sabían mollar a palleta, ficarían apampados e moi tristes ao verse representados por esa gaiteiría cibernética.
Eu son consciente desde hai décadas que as Deputacións non serven para nada, que son unhas institucións absurdas onde se seguen a cociñar o caciqueo e os favores. Fraga Iribarne, partidario desde sempre dun partido único e posteriormente, cando tivo que asumir a democracia, de dous, foi o promotor desta escola de gaita militar, como a el lle gusta, e aí segue pervivindo, "representando a Galiza".
Así como existe a figura do Defensor do Pobo, imprescindible figura, debería existir a do Defensor Etnográfico, que velase contra a deturpación da nosa identidade. Eu vivo desde hai oito anos nunha terra situada á beira do Atlántico Aberto, gobernada por un alcalde que dixo públicamente que non casaría nunca maricóns e que, polo tanto, non casaría aos homosexuais do seu propio partido, algúns dos cales, con todo o dereito do mundo, nun dos logros máis humanos desta democracia, dirixen importantes sectores da administración galega. El chámalle maricóns aos homosexuais, e di que os petroglifos son cousas vellas, e que máis dá un pedrolo antigo crebado cando o que hai que facer é mirar cara ao futuro. Lémbrame a outro alcalde dunha comarca próxima que chegou dicir que Grecia non estaba mal pero que na Acrópole había demasiadas ruínas.
Todo isto faime pensar que esa figura do Defensor Etnográfico debería ser radicalmente inflexible á hora de determinar quen se está cargando o patrimonio cultural deste país, quen o está disolvendo con estéticas importadas ou quen é capaz, con perdón, de cagar enriba dun petroglifo, e aplicarlle con rigor todo o peso da Lei.
Alfonso Álvarez Cáccamo.
 
 

Fonte: Faro de Vigo

Advertisements

About No Cómbaro

Música Tradicional

Posted on 5 Xuño, 2010, in Outros temas and tagged . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: