O SEITOR de Seivane

O SEITOR. Primeiras valoracións.

Parece que os gaiteiros cada vez estamos máis perto de ter nas nosas mans un instrumento que, como moitos outros, afinalo non sexa unha tarefa difícil e pouco práctica. O certo é que facía moita falla chegar ata este punto. A manipulación da palleta e a cinta adhesiva eran, ata o momento, o único recurso que tiñamos para afinar o punteiro, que aínda que son métodos moi efectivos, contan cun gran contra; a pouca facilidade de uso e falta de practicidade ante eventuais modificacións da afinación. Para todos aqueles/as que me pedistes información e a miña opinión sobre o novo sistema de afinación deseñado polo Obradoiro Seivane, decidín escribir esta especie de “review” co fin de dar unha primeira valoración do Seitor, aínda que todavía me quedan algunas cuestións por analizar. Pouco a pouco!.

O SEITOR

Chamado así polo Obradoiro de Gaitas Seivane, é o último invento dos artesáns que se lle pode incorporar ao punteiro permitíndonos regular a súa afinación xeral xirando o corpo do punteiro, o cal está fixo á mesa por un parafuso interno. Con este sistema conseguiremos alongar, ou ben acortar, a lonxitude total do punteiro (dende a copa ao espigo), podendo variar deste xeito a súa afinación xeral. Funciona exactamente igual que o método de mover a palleta cara arriba ou cara abaixo (poñendo/sacando fío), só que con este sistema será moito máis fácil modificar a afinación sen necesidade de sacar o punteiro da buxa.

APARIENCIA

A simple vista, non se percibe ningún cambio no punteiro. Se o alongas unha volta apreciase un chisco o “espigo” de madeira que se introduce na mesa, pero nada significativo. Para min a estética non é un problema, pero para outros gaiteiros sí o é. Neste sentido, o Seitor soubo conservar tal cual o clásico deseño de punteiro, respetando ao máximo a sua integridade física, sen que se aprecien rasgos alleos á sua habitual apariencia, e pensando deste xeito en todos aqueles gaiteiros que, por cuestións ideolóxicas e/ou estéticas, así o desexen. Unha vez máis, os acabados, a robustez, e a exactitude dos traballos do Obradoiro  Seivane… Impecables!

TIMBRE

Considerando que unha parte da zona máis alta do interior do punteiro (cerca da mesa) é de metal, non percibo ninguna diferencia de son entre un punteiro normal e outro co Seitor. Descoñezo a composición dese metal, tampouco é que me preocupe, pero o que si está claro é que o primeiro que lle ven a un á cabeza, é si ese pequeno tramo de metal por onde vai a fluir a columna de aire, vai a afectar negativamente ao timbre tan característico deste instrumento. Parece que todo segue igual; os factores determinantes do timbre seguirán sendo a construción do punteiro, a madeira, e por suposto, a palleta. Neste sentido un OK rotundo!

EN USO

Este novo invento caracterízase pola sua facilidade de uso e capacidade de precisión na procura da afinación desexada. Con só xirar o Seitor, ben cara á dereita ou cara a esquerda, conseguiremos baixar e subir a afinación respectivamente. O procedemento é o seguinte: collemos a buxa do punteiro cunha man (preferiblemente a esquerda) e xiramos o corpo do punteiro coa outra na dirección desexada. No caso de que o xiro non fose de 360º, teremos que correxir a colocación do punteiro na buxa, pois o feito de xirar o Seitor vai supor a desubicación dos buratos. Debemos mover o punteiro completo ata que nos coincidan os buratos cos nosos dedos. Este sistema permite movernos cunha gran precisión acadando cotas de afinación que dificilmente conseguiríamos noutros modelos de punteiros afinables, os cais empregan o típico sistema de desprazamento das partes ou tramos que compoñen o punteiro. Creo que non fai falla dicir que, ao igual que no método da manipulación da palleta, calquera cambio no Seitor non vai a influir por igual nas notas do punteiro. Xa sabedes, conicidade do punteiro… ta,ta,tá… ta,ta,tá. Pero ollo!, este recurso tamén ten un límite. Superadas a dúas voltas completas cara arriba ou cara abaixo, poderían empezar os problemas serios de compensación. Dito polos seus creadores, unha volta completa supón un desprazamento de 1 mm, ben sexa para arriba ou para baixo. Pero eu quixen ir un chisco máis alá é traducín esta medida en cents. Probando e medindo cun afinador de bastante precisión, observei que cada volta son aproximadamente 6 cents, tanto para arriba como para abaixo. Como non dispoñía do material axeitado para facer as medicións como eu quería, as probas fixenas tocando eu. Xa vos imaxinades os erros que pode haber provocados polo tempero. En calquera caso, fixen varias medicións para obter unha media máis ou menos aproximada do que supón en cents unha volta completa do Seitor. Estas probas fíxenas a 20º de temperatura. Tería que mirar como responde o Seitor noutras condicións de temperatura, aínda que supoño que será o mesmo que nun punteiro normal. Para darvos unha idea; con subir só ¾ dunha volta (xirando o Seitor á dereita), podemos poñer o noso punteiro a 442 Hz, supoñendo que estexamos a 440 Hz. Imaxinade que temos que tocar cun piano, e pensando que estaría a 440, levamos a sorpresa de que está a 442 Hz. Pois non faría falla andar retellando na palleta ou ben mover as cintas para reaxustar a afinación; con darlle aínda non unha volta e retocar, se fose preciso, algunha cinta adhesiva nas notas agudas… asunto arreglado! Outro suposto: imaxinade que estades tocando cun acordeón ou mesmo con outro gaiteiro, e no medio da peza, a pesares de afinar antes, notades que estades un pouco desafinados en relación co outro instrumento. Pois ben, en canto teñades uns compases de espera ou ben cando remate a peza, só tedes que xirar o Seitor ata onde faga falta. Cómodo verdade?, co risco que supón neses casos sacar o punteiro da buxa e andar na palleta…! a saber o que pode sair de ahí! Tiramos de tornillo e via! Si xa o sei, o caso é saber canto xiramos. Evidentemente, como calquera outro recurso,  require un estudo previo para ter unha idea de canto xirar o Seitor nun momento determinado. Todo é pillarlle o truco!! No referente ó requinteo, non notei nada poñendo ao límite o Seitor. Como vedes, todo un luxo para correxir eventuais variacións na afinación.

CONCLUSIÓN

Trátase dun novo recurso de afinación que para nada sustitúe ao da manipulación da palleta e moito menos á cinta adhesiva, senón que máis ben os complementa. Coa manipulación da palleta aproximaríamos o punteiro á afinación desexada, coa cinta adhesiva actuaríamos na afinación nas notas de maneira individualizada, e co Seitor cubriríamos as variacións sutís da afinación ante posibles imprevistos. Ata o momento, o Seitor é único en canto a precisión e sobre todo practicidade e facilidade de uso na corrección de eventuais cambios na afinación. Toda unha revolución para os “directos”, un recurso que nos vai a permitir regular a afinación “sobre a marcha”. Moi recomendable!!

Agustín Sánchez.
Advertisements

About No Cómbaro

Música Tradicional

Posted on 21 Novembro, 2012, in Outros temas. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: